A existência da monarquia converte-nos em vasalhos. Establece diferentes grados de cidadania, diferentes dereitos baseados no nacemento, outorgados por herdar un apelido.
Constitúe umha violación do principio mais básico de igualdade.
Galicia Hoje amanhã: 14 de Abril
MANIFESTO
O 14 de abril de 1931, España tivo unha oportunidade. A proclamación da II República Española encarnou o soño dun país capaz de ser mellor que si mesmo, e reuniu nun só esforzo a todos os españois que aspiraban a un porvir de democracia e de modernidade, de liberdade e de xustiza, de educación e de progreso, de igualdade e de dereitos universais para todos os seus concidadáns. Hoxe, setenta e cinco anos despois, os asinantes deste manifesto evocamos aquel espírito con orgullo, con modestia e con gratitude, e reivindicamos como propios os valores do republicanismo español, que seguen vixentes como símbolos dun país mellor, máis libre e máis xusto.
Fronte ao colosal impulso modernizador e democratizador que acometeron as institucións republicanas -sempre coa desleal oposición de quen creran, e seguen crendo, que este país é da súa exclusiva propiedade-, aínda se nos segue intentando convencer de que a II República foi un belo propósito condenado ao fracaso desde antes de nacer polos seus propios erros e carencias. Os asinantes deste manifesto rexeitamos radicalmente esta interpretación, que só pretende absolver ao xeneral Franco da responsabilidade do golpe de estado que interrompeu a legalidade constitucional e democrática dunha república sostida pola vontade maioritaria do pobo español, coas tráxicas consecuencias que todos coñecemos. E esiximos que as institucións da actual democracia española rompan de xeito definitivo os lazos que a seguen unindo -desde os rueiros dos municipios até os contidos dos libros de texto- cun estado ilexítimo, que xurdiu dunha agresión feroz contra os seus propios cidadáns e sostívose no poder durante trinta e sete anos mediante o abuso sistemático e indiscriminado dos sinistros recursos que caracterizan a pervivencia dos réximes totalitarios. Logo de trinta anos de democracia, resulta vergonzoso ter que recordar aínda onde estaba a lei e onde estivo o delito. A estas alturas, é intolerable, e moi perigoso para a saúde moral e política do noso país, que aínda se pretenda equiparar ao goberno lexítimo dunha nación democrática coa facción militar que se sublevou contra o estado ao que, polo seu honor, xurara defender, e cuxa vitoria só foi posible grazas á axuda dos réximes fascista e nazi que preparaban unha invasión de Europa que acabaría provocando unha guerra mundial e, aínda máis decisivamente, grazas á culpable indiferenza das democracias occidentais, que, antes de converterse en vítimas das mesmas potencias en cuxas mans abandonaran a España, elixiron parapetarse tralo hipócrita simulacro de neutralidade que representou o comité de Non Intervención de Londres.
O 14 de abril de 1931, España tivo unha oportunidade, e os españois aproveitárona. Pese á brevedade da súa vida, a II República desenvolveu en múltiples campos da vida pública un labor inxente, que asombrou ao mundo e situou ao noso país na vanguarda social e cultural. Entre os seus logros, bastaría citar a reforma agraria, o sufraxio feminino, os avances en materia lexislativa de toda índole, a separación efectiva de poderes, as constantes e modernísimas iniciativas destinadas a difundir a cultura até nas comarcas máis remotas, o decidido impulso da investigación científica ou o frorecimento exemplar non só da educación, senón tamén da asistencia sanitaria pública, para demostrar que aquel belo propósito xerou belísimas realidades, que serían capaces de cambiar a vida dun pobo condenado á pobreza, a submisión e a ignorancia polos mesmos poderes -os grandes propietarios, a facción máis reaccionaria do Exército e a xerarquía da Igrexa Católica- que se apresuraron a mutilalo de toda esperanza.
A República dotou aos sectores máis débiles e desprotexidos da sociedade de entón, as mulleres e os nenos, dun estatuto xurídico privilexiado na súa época. O retroceso foi tan brutal, que o cambio de réxime supuxo para elas, para eles, a perda de todo dereito e a súa consagración como subciudadans dependentes da boa vontade dos cabezas das súas respectivas familias. A República apostou pola defensa dos espazos públicos como escenario fundamental da vida española, asumindo a necesidade de equiparar as condicións de vida das poboacións rurais e urbanas, e desenvolvendo políticas de igualdade non só entre os individuos, senón tamén entre as rexións máis e menos prósperas. O retroceso foi tan brutal, que o cambio de réxime consolidou as desigualdades históricas tanto individuais como colectivas, e abandonou a promoción dos servizos públicos para crear un déficit que nalgúns sectores, como a educación primaria e secundaria, seguimos padecendo aínda. A República fomentou o auxe da cultura española en todos os terreos da creación artística e da investigación científica, o debate intelectual e a vida universitaria, até o punto de que o seu nome e o seu destino estarán unidos para sempre á memoria do máximo esplendor cultural do que gozou o noso país en éraa moderna. O retroceso foi tan brutal, que o cambio de réxime supuxo a perda máis tráxica que, á súa vez, soportou nunca a cultura española, o exilio masivo dos mellores, que deixaron as aulas e os laboratorios, os talleres e as redaccións, as editoriais e os museos, a autoridade e o prestixio intelectual do noso país, en mans dunha improvisada colleita de oportunistas e segundons, que reduciron a vida cultural española a unha lamentable manifestación de mediocres escuridades.
Hoxe, setenta e cinco anos despois, os asinantes deste manifesto non queremos seguir lamentando a triste brutalidade daquel retroceso, senón celebrar a emocionante calidade dos logros que lle precederon, e agradecer a ambición, a coraxe, o talento e a entrega dunha xeración de españois que creu en nós ao crer no futuro do seu país. Reivindicar a súa memoria é crer no noso propio futuro, que será proporcionalmente mellor, máis libre, máis xusto, máis feliz, na medida en que sexamos capaces de estar á altura da tradición republicana que herdamos. Por unha España verdadeiramente moderna, laica, culta, igualitaria, pola súa definitiva normalización democrática, e polo progreso harmónico do benestar de todos os seus cidadáns, hoxe, setenta e cinco anos despois, queremos celebrar o 14 de abril de 1931, e propoñer que esta data se celebre en diante como un recoñecemento oficial a todos os cidadáns españois que loitaron activamente pola liberdade, a xustiza e a igualdade, valores comúns que teñen que seguir orientando a construción democrática da sociedade española.
Abril 2006
http://www.memoriadelfuturo.org/manifiesto.html
Asinar en: http://www.memoriadelfuturo.org/firmas/portada.php
14 abril 2006
Os reis aos contos!!
Postado por Compostela às 6:18 da tarde
Marcadores: República
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário